Prado advirte que a chegada das cinzas ás rías sería a puntilla para a campaña de marisqueo en Arousa

2017.10.24- Prado comisión pesca

Critica o “desleixo e a inacción” do Goberno para atender as demandas do sector ante “crónica dunha morte anunciada” no marisqueo libre nesta ría

Prado advirte que a chegada das cinzas ás rías sería a puntilla para a campaña de marisqueo en Arousa

A portavoz de Pesca no parlamento, Montse Prado, advertiu contra as calamitosas consecuencias que tería para o marisqueo a chegada das cinzas da vaga de lumes ás rías galegas, que no caso da campaña de marisqueo libre na Ría de Arousa suporía a estocada final para nunha recollida que está a ser “calamitosa”.

“Espero que os mariscadores e as mariscadoras non teñan que parar as cinzas coas súa propias mans como ten pasado noutras ocasións de catástrofe”, salientou Prado, tras pedir medidas inmediatas para evitar a contaminación das rías.

A deputada criticou “o desleixo” da Consellería de Pesca ante a campaña de marisqueo libre na Rías de Arousa, “cada vez con menos extracción o que implica menos capturas e menos rendas e, pola tanto, un auténtico calvario para os e as mariscadoras” pese a que viñan alertando á Xunta da situación dos bancos e a súa afectación sobre os bivalvos, unha situación que se arrastra desde 2012 ante a inacción do Goberno galego.

Así, segue pendente a recuperación dos bancos dos Lombos do Ulla, do Bohido e de Cabío, que levan anos sen ser obxecto dunha acción de limpeza e de rexeneración dos fondos, que implique tamén eliminar depredadores e outras actuacións que favoreza a recuperación das especies como o acceso á semente.

Para a deputada nacionalista, os malos resultados da campaña deste ano son “a crónica dunha morte anunciada”, como teñen denunciando as confrarías e o conxunto do sector, que esperan desde febreiro contestación a súa petición de reunión ca conselleira de Pesca. A preocupación pola situación actual é moi alta, indicou Prado na comisión parlamentaria, “porque se corre o risco de os bancos se esgoten antes da campaña do nadal”, polo que pide á Xunta que rectifique, que deixe a inacción e tome medidas dunha vez por todas para a recuperación dos bancos marisqueiros da Ría de Arousa.

Prado advirte que a chegada das cinzas ás rías sería a puntilla para a campaña de marisqueo en Arousa