O BNG pide á Xunta unha estratexia para recuperar a produción de berberecho na ría de Arousa

Entre as medidas, axudas directas ao sector con perdas superiores ao 35% dos ingresos dos e das mariscadoras

O BNG pide á Xunta unha estratexia para recuperar a produción de berberecho na ría de Arousa

O BNG volveu tratar no Parlamento o problema de mortaldade dos bivalvos, -en particular do berberecho-, nos bancos marisqueiros de libre acceso na Ría de Arousa, situación que se repite desde 2012 ante o “desleixo” da Consellería de Pesca. Para poñer fin a esta inacción da Xunta, o Bloque demanda a posta en marcha dunha estratexia de recuperación da produción de berberecho tal como pide o sector.

Unha estratexia que, como explicou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, debe incluír a recuperación dos bancos marisqueiros de Lombos do Ulla, Cabío e Bohído, eliminación de depredadores, recuperación do substrato e garantir o acceso  á semente para repoboar os bancos.

Igualmente, manter informado ao sector con antelación en cuestións como os días de actividade, quilos de capturas ou situación das especies e, tamén, poñer en marcha axudas directas aos mariscadores e mariscadoras en caso de que a mortaldade ou falta de capturas pola escaseza das especies impliquen perdas superiores ao 35% dos ingresos dos e das traballadoras.

“Estamos falando de persoas que están desesperadas ao ver como se cumpre o que levan advertindo sen que haxa reacción por parte da Xunta, instalada no discurso oficial de reponte do berberecho que non existe, con capturas de apenas cinco quilos por mariscador e mariscadora cando o tope son de quince quilos”, denunciou Prado.

“Falta produto, temos mariscador@s que van a outras zonas, abandono, poucas capturas, prezos polo chan, desesperación e a calada por resposta por parte da consellería ás confrarías da Ría de Arousa que levan tempo clamando por unha solución salvar esta situación calamitosa á que a Consellería de Pesca segue facendo ouvidos xordos, como demostra a falta de apoio do PP a esta iniciativa”, criticou a deputada nacionalista.